Fademga Plena Inclusión Galicia e a Consellería de Política Social chegan a un acordo que pon fin á convocatoria de movilizacións.

Tras meses de reivindicacións e dun intenso proceso de diálogo co Goberno galego, FADEMGA Plena Inclusión Galicia informa de que, despois da reunión mantida o pasado 22 de outubro, e da nova xuntanza celebrada coa Conselleira de Política Social, Fabiola García, federación e consellería chegaron a uns termos de acordo que foron expostos e debatidos nunha asemblea coas entidades federadas.

Durante a reunión, as entidades manifestaron a súa conformidade cos compromisos alcanzados, valorando positivamente os avances producidos e a vontade de consenso amosada por ambas partes para garantir a continuidade e a estabilidade do modelo do Concerto Social.

Como consecuencia deste acordo, Fademga Plena Inclusión Galicia comunica que queda suspendida tanto a concentración prevista para o mércores 29 de outubro ante San Caetano, como as posteriores concentracións fronte ó Parlamento.

FADEMGA Plena Inclusión Galicia, é a Federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual, que conta na actualidade con 42 entidades galegas federadas.

A misión do Movemento Asociativo é contribuír, dende o compromiso ético, a que cada persoa con discapacidade intelectual e do desenvolvemento e as ás súas familias podan realizar o seu proxecto de calidade de vida, así como promover a súa inclusión como cidadáns de pleno dereito nunha sociedade xusta e solidaria.